Sanidade comparte con outras rexións europeas as boas prácticas das farmacias comunitarias e a xestión do material de protección durante a pandemia da Covid-19

  • A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde lidera o proxecto europeo TITTAN Covid-19 con cinco rexións europeas co fin de establecer unha rede de intercambio de boas prácticas relacionadas coa Covid-19.
  • O proxecto finánciase a través do Programa Interreg Europe e foi seleccionado nunha convocatoria competitiva a nivel europeo.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde é a coordinadora do proxecto TITTAN (Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing Network in the context of the COVID-19 pandemic), que ten como obxectivo establecer unha rede de intercambio de coñecemento con outras rexións europeas para potenciar a innovación e a transferencia de tecnoloxía no eido da saúde. O proxecto ten unha duración de ano e medio e finánciase a través do Programa Interreg Europe cun orzamento de 1,7 millóns de euros.
 
Baixo o liderado da ACIS participan nesta iniciativa outras organizacións de referencia en Europa como a Fundación Vasca de Innovación e Investigación Sanitarias (BIOEF de Euskadi); a Fondazione Regionale per la Ricerca Biomedica (FRRB, de Lombardia en Italia); o Healthy Saxony, (HS de Saxonia en Alemaña); e o Digital Health & Care Innovation Centre (DHI de Escocia en Reino Unido).
 
No día de hoxe realizouse a terceira das sesións de intercambio de experiencias organizada polo socio de País Vasco co fin de establecer un diálogo cos actores máis relevantes a nivel rexional para identificar as mellores prácticas relacionadas coa Covid-19.
Durante o 2022 celebraronse tres workshops de intercambio de experiencias. A conferencia final do proxecto será a cargo do coordinador do proxecto, ACIS e celebrarase en Santiago de Compostela.
 
XESTIÓN DO MATERIAL DE PROTECCIÓN DURANTE A PANDEMIA DA COVID-19

O xefe do Servizo Aprovisionamento da Dirección Xeral de Recursos Económicos do SERGAS, Martín Cribeiro González, explicou neste evento aos socios do proxecto TITTAN e o resto de asistentes, as claves do éxito na xestión do aprovisionamento dos materiais sanitarios de protección durante a crise sanitaria da Pandemia do Covid-19.
 
Os 5 elementos fundamentais cos que contou o SERGAS  para abordar este gran reto, nun contexto nunca antes visto de escaseza e bloqueo na oferta deste tipo de materiais de protección, foron presentados polo relator:
  • Dispoñer dun Sistema Loxístico Integral  con colocación no punto final de consumo, que permitiu descargar ao persoal de tarefas loxísticas e poder centrarse na atención ao paciente.
  • Dispoñer de LOGAS, unha ferramenta innovadora que supón un Sistema de Xestión Único para o Aprovisionamento e as Compras.
  • Deseño de circuítos diferenciados para a xestión do Material de Protección Para Covid-19.
  • Compra Única Centralizada, fundamental para garantir o suministro, que permitiu reducir os prazos de entrega e tamén descargar aos centros sanitarios de traballo.
  • Monitorización Continua dos Procedementos.

Grazas a este complexo e integral sistema, apoiado en novas e innovadoras tecnoloxías, que permite simplificar os procesos e tarefas,  puidéronse xestionar ao día máis de 11.000 pedidos que foron  dirixidos a todas as unidades de consumos nas distintas áreas de saúde tanto en centros grandes como nos máis pequenos e illados.
 

BOAS PRÁCTICAS DAS FARMACIAS COMUNITARIAS DURANTE A COVID-19

Pola súa banda, Héctor Castro Bernardino, Presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de A Coruña,  mostrou ás rexións socias do proxecto as claves do grande éxito da colaboración da rede de farmacias galegas coa Xunta de Galicia durante a pandemia da Covid-19.
 
As boas prácticas das farmacias descritas polo relator, que máis axudaron nese momentos de crise e de tanta inseguridade, foron:
  • A entrega de medicamentos e produtos sanitario no domicilio para dependentes  ou persoas que vivan soas.
  • A distribución de mascarillas gratuítas a través  do Convenio  coa Xunta.
  • A autorecollida de mostras de saliva na oficina de farmacia para cribados de PCR
  • A expedición de certificados COVID 19 de vacinación, probas diagnósticas e recuperación.
  • E por último a realización de  autotest rápidos de  autodiagnóstico para detección da  COVID 19 realizando todo o proceso: toma de mostra, procesado e comunicación do resultado.
Os números reflicten o gran traballo que se levou a cabo: máis de 195.000 recollidas de mostras para cribados PCR con máis de 3.700 positivos detectados, máis de 140.000 autotest suministrados e máis de 1.100.000 certificados Covid emitidos. E o máis importante a proximidade e a seguridade que estos profesionais proporcionaron a poboación, sobre todo, nun tempo de tanta inseguridade e incerteza.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.