Publicidade das actividades de formación continuada acreditadas

1. O logotipo do provedor, é dicir, de quen solicita a acreditación da actividade e é responsable dela, deberá figurar en todos os documentos, soportes publicitarios e materiais docentes da actividade acreditada.

2. Os logotipos dos patrocinadores, é dicir, quen colabora co provedor achegando financiamento ou calquera tipo de apoio á actividade docente que se quere acreditar, poderán figurar nos soportes publicitarios e materiais non docentes da actividade (cartafoles, bolígrafos, cadernos, etc.). Nestes casos, identificaranse inequivocamente como patrocinadores. En ningún caso o nome nin o logotipo do patrocinador aparecerá nos contidos docentes da actividade, é dicir, nos textos, fichas, preparacións, diapositivas, aula virtual, etc. que utiliza o docente ou que se entrega ao alumnado.

Non se poderá asociar ningunha marca comercial de fármacos, produtos dietéticos, aparellos, produtos sanitarios ou de calquera outra natureza ao logotipo de acreditación nin á actividade acreditada.

A solicitude de acreditación dunha actividade formativa é incompatible coa solicitude de autorización dela como soporte válido de publicidade do medicamento (Real decreto 1416/1994).

3. O logotipo da Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias da Comunidade de Galicia só se poderá utilizar na publicidade e nos certificados dunha actividade docente a partir da recepción da notificación oficial da súa acreditación. Unicamente utilizarase en cor verde ou negro e sen ningún tipo de orla ou adorno gráfico e sempre de maneira conxunta co texto da cita de acreditación: «Actividade acreditada pola Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde da Comunidade Autónoma de Galicia con XX créditos para XXXXX. Rexistro XXXXXX». É obrigatorio identificar a Comunidade correspondente como ente acreditador.

Se a publicidade se emite con anterioridade a coñecer o resultado da solicitude de acreditación, poderase inserir o texto «Solicitada a acreditación á Comisión de Formación Continuada das Profesións Sanitarias da Comunidade Autónoma de Galicia con data:». Neste suposto, nunca se empregará o logotipo da Comisión, nin sequera no caso de solicitar a acreditación de reedicións idénticas dunha actividade xa acreditada.

En ningún caso o logotipo da Comisión se poderá utilizar sen estar vinculado de forma inequívoca a unha actividade acreditada concreta, xa sexa nun documento, certificado, soporte publicitario, páxina web, etc. Tampouco se poderá utilizar asociado xenericamente a unha listaxe de actividades, a un programa de diversas actividades de formación continuada ou imaxe corporativa de patrocinadores e provedores.

En ningún caso se poderán sumar créditos de actividades acreditadas por separado para formar unha nova actividade con nome diferente e que totalice os créditos das actividades acreditadas.

Non poderá ir asociado, en ningún caso, as titulacións de máster, experto, diplomado ou calquera outra que se poida confundir con títulos propios do Estado ou da Universidade.

4. Cando se advirta da difusión dunha publicidade que non respecta as normas establecidas, realizarase un requirimento oficial de corrección desa publicidade, e o provedor, unha vez emendadas as deficiencias, deberá simultaneamente inserir durante un mes un anuncio obrigatorio cuxo texto será o seguinte:

 

INSERCIÓN GL.png
 
 
O anuncio inserirase nos mesmos lugares onde se atopaba a publicidade errónea. 

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.