- EIT Health é o maior organismo europeo para a innovación en saúde e ten como misión acelerar o emprendemento e a innovación en vida saudable e envellecemento activo, proporcionando novas oportunidades e recursos para o beneficio de todos os cidadáns.
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023.- No día de hoxe tivo lugar na Aula Magna do Edificio Profesor Novoa Santos do Hospital Clínico Universitario de Santiago unha xornada informativa sobre os diferentes instrumentos de financiamento e soporte ao emprendemento, organizada pola EIT Health en colaboración coa Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).
O acto comezou coa benvida institucional por parte da xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez Masid, e do xerente da ACIS, Antonio Fernández-Campa, na que ambos animaron aos presentes a participar nos diferentes programas e destacaron a aposta pola investigación e innovación en saúde.
A primeira das presentacións correu a cargo do doutor Máximo Fraga, director do BioBanco do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Nela introduciu o que é o Biobanco, como funciona e cales son as principais aplicacións para os investigadores e empresas. Ademais, resaltou o carácter solidario (xa que as mostras e tecidos recollidos proveñen de pacientes que deron o seu consentimento) e explicou como os cidadáns podemos contribuír na recolección de mostras biolóxicas. Finalmente, puxo en valor á Rede Galega de Biobancos e ao Biobanco Nacional do Instituto de Saúde Carlos III (BBN-ISCIII).
A continuación, Joan Grasas, líder de emprendemento da EIT Health presentou os principais programas de aceleración que se están a ofrecer na actualidade dende a organización europea.
A última das intervencións foi a de María de la Fuente, CEO e Cofundadora de Diversa Technologies. Nesta spin-off biotecnolóxica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e do SERGAS tratan de superar as barreiras biolóxicas para producir produtos farmacéuticos eficientes a través de elaboración de formulacións. Ao longo da súa presentación, relatou o xurdimento desta idea de emprendemento científico, a labor que están a desenvolver e como a participación en programas de asesoramento como os de EIT Health contribuíron á expansión e internacionalización de Diversa.
PRINCIPAIS PROGRAMAS DE ACELERACIÓN ACTUALMENTE EN MARCHA DA EIT HEALTH
Bridgehead: Programa de asesoramento para acceder ao mercado europeo dirixido a start-ups con menos de 250 empregados con produtos innovadores dentro do marco do Biotech, Medtech ou Digital Health
https://eithealth.eu/programmes/bridgehead/