Transferencia de coñecemento e cultura innovadora

ACIS ten a responsabilidade de garantir as condicións adecuadas para que o coñecemento xerado no ecosistema galego de saúde chegue de xeito máis eficiente ao mercado e á práctica asistencial. A súa prioridade é conseguir que os resultados do traballo dos máis de mil investigadores que integran o Sistema Público de Saúde de Galicia se transformen en valor real para os pacientes.
 
Vantaxes competitivas. Os esforzos para mellorar os mecanismos de apoio á transferencia de coñecemento son continuados, aínda que o modelo galego é xa un referente neste eido polas súas vantaxes diferenciais:

  • Institutos de investigación sanitaria orientados a problemas clínicos reais.
  • Fundacións de investigación biomédica con persoal e equipos orientados á valorización dos resultados científicos.
  • Investigadores moi proactivos na translación dos seus resultados.
  • Contorna privilexiada para a investigación traslacional:

​​​​​​​​Carteira de servizos. As liñas de apoio á transferencia de ACIS inclúen:
  1. Accións de comunicación e divulgación. ACIS traballa no establecemento dunha verdadeira cultura innovadora en todo o Sistema Público de Saúde de Galicia. A través dun modelo de xestión aberto e participativo de iniciativas innovadoras, favorece a participación de todos os profesionais sanitarios e a súa divulgación á sociedade galega. Neste sentido, a Axencia de Coñecemento en Saúde aposta por novos programas, eventos e actividades destinados a impulsar a innovación sanitaria en todo o sistema.
  2. Explotación de resultados no mercado. Cando os resultados de investigación atopen un posible licenciatario, ACIS colaborará cos axentes do ecosistema de saúde con competencias en transferencia de tecnoloxía durante as etapas de negociación de contratos ou licencias con terceiros. Con isto procúrase un retorno xusto da explotación dos resultados de investigación, a xestión eficaz e a aplicación das normativas comunitarias e nacionais nestes eidos.
  3. Promoción do emprendemento innovador. No caso de que os resultados de investigación poidan dar orixe a unha empresa de base tecnolóxica, ACIS colaborará na súa creación. O apoio aos investigadores facilitará acordos de licencias para a posta en marcha da empresa, así como asesoramento para a aplicación de normativas estatais e autonómicas neste eido.
  4. Implantación na carteira de servizos asistenciais do Sergas. Cando unha tecnoloxía xerada no sistema poida ser incorporada ao catálogo de servizos do Sistema Público de Saúde de Galicia, ACIS traballará de xeito coordinado con todos os departamentos e axentes implicados para a súa áxil implantación. Preténdese así que os nosos investigadores e profesionais xeren innovacións que repercutan na calidade asistencial prestada polos profesionais e na saúde dos nosos pacientes.​

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.