Recoñecemento profesional dos títulos e certificados de formación profesional expedidos por estados membros da Unión Europea

Para estes efectos resulta de aplicación o Real decreto 581/2017, do 9 de xuño, polo que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 2013/55/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de novembro de 2013, pola que se modifica a Directiva 2005/36/CE relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais e o Regulamento (UE) n.º 1024/2012 relativo á cooperación administrativa a través do Sistema de Información do Mercado Interior (Regulamento IMI). Estas directivas adoptáronse para o recoñecemento mutuo de diplomas, certificados e outros títulos de formación co fin de que os nacionais dos Estados membros da Unión Europea poidan exercer unha profesión, por conta propia ou allea, nun estado membro distinto daquel en que adquirisen as súas cualificacións profesionais.
 
A Axencia de Coñecemento en Saúde ten atribuídas as competencias para o recoñecemento de títulos e certificados de formación de determinadas profesións do sector sanitario, expedidos polos estados membros da Unión Europea ou asociados ao Acordo sobre o Espazo Económico Europeo.
 
Estas profesións son:
  • Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría.
  • Técnico en Farmacia e Parafarmacia.
  • Técnico Superior en Anatomía patolóxica e citoloxía.
  • Técnico Superior en Audioprótese.
  • Técnico Superior en Dietética.
  • Técnico Superior en Documentación Sanitaria.
  • Técnico Superior en Hixiene Bucodental.
  • Técnico Superior en Imaxe para o Diagnóstico.
  • Técnico Superior en Laboratorio de Diagnóstico Clínico.
  • Técnico Superior en Ortoprótese.
  • Técnico Superior en Próteses Dentais.
  • Técnico Superior en Radioterapia.
  • Tecnico Superior en Saúde Ambiental.
 
Documentación que deberán presentar os interesados:
 
  • Solicitude de recoñecemento de título.
  • Copia cotexada do DNI, pasaporte ou documentación equivalente que acredite que o/a interesado/a ostenta a nacionalidade dalgún dos estados membros da Unión Europea ou estados asociados ao Acordo sobre o Espazo Económico Europeo.
  • Copia cotexada do título/s académico/s.
  • Certificación oficial e personalizada do programa de formación realizado polo/a solicitante, na que conste a duración dos estudos en anos académicos e descrición das materias cursadas, así como a especificación do número de horas en cada unha delas, tanto teóricas como prácticas.
  • Cando a profesión estea regulada no Estado de orixe do título, certificación da autoridade competente que acredite, de acordo coa directiva 2005/36/CE, que o/a profesional pode exercer nese país.
  • Cando a profesión non estea regulada no Estado de orixe do título, documento acreditativo, expedido pola autoridade competente, de exercer a profesión de forma legal e efectiva no Estado de orixe, ou noutros comunitarios, durante un ano a tempo completo, ou a tempo parcial durante un período equivalente, no transcurso dos dez anos anteriores, sempre que estea en posesión dun ou de varios certificados de competencia ou dun o de varios títulos de formación expedidos por outro Estado membro que non regule esa profesión. Estes certificados de competencia ou títulos de formación deberán acreditar a preparación do titular para o exercicio da profesión correspondente.
  • Tradución xurada ao galego ou castelán dos títulos e certificacións presentadas.
Documentación para descargar

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.