O Servizo Galego de Saúde gañador nos I premios europeos á contratación pública de innovación

  • O Consello Europeo de Innovación (EIC) convocou a primeira edición dos Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación (EUIPAwards), que pretenden recoñecer aos compradores públicos e privados de toda Europa nos seus esforzos por promover a contratación de innovación.
  • O SERGAS foi gañador co primeiro premio na categoría denominada Innovation procurement strategy award na que se premian estratexias a longo prazo que desencadean diferentes adquisicións de innovación, solucións e prácticas sustentables.
  • O resultado coñeceuse durante o Cume do Consello Europeo de Innovación do 24 ao 25 de novembro de 2021 en Bruxelas.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021.- O Servizo Galego de Saúde foi galardoado hoxe en Bruxelas co primeiro premio nos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación convocados polo Consello Europeo de Innovación (EIC).

Os galardóns, teñen como obxectivo dar visibilidade á importancia dunha estreita cooperación entre o comprador e o provedor para levar as solucións innovadoras ao mercado. Trátase dunha das iniciativas do EIC destinada a apoiar e fomentar a contratación de innovación na Unión Europea.

O Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, presentou en xullo deste ano a candidatura titulada "O camiño galego de innovación en busca da contratación pública de solucións innovadoras para un envellecemento activo e saudable", titulada en inglés "The Galician innovation Journey in search of PPI solutions for active and healthy ageing", co acrónimo "INNO-AHA SERGAS".

A candidatura mostra a aposta da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde desde o ano 2012 pola compra pública innovadora con proxectos como Hospital2050 e Innovasaúde, Código100 e proxectos actualmente en marcha como Innova MicroLab, INNOVATRIAL ou LABSAÚDE -o primeiro living lab de saúde do SERGAS no Hospital Universitario de Ourense-. Ademais a candidatura inclúe o recoñecemento de Galicia como unha das rexións de referencia europea no desenvolvemento, a adopción e escalado de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable (EIP on AHA Reference Site con 4 estrelas).

O proceso para a obtención do prestixioso premio constou de varias fases. En setembro, coñecéronse as 6 candidaturas finalistas que competiron co SERGAS, na categoría Innovation procurement strategy award na que se premian estratexias a longo prazo que desencadean diferentes adquisicións de innovación, solucións e prácticas sustentables.

  • INNOSPRINT DIH (Francia)
  • INNO-AHA SERGAS (España)
  • NCBR-IS (Polonia)
  • RESAH INNOVATION (Francia)
  • Smartiago (España)
  • WBL PCP e PPI (Países Baixos)

Posteriormente, cada finalista foi convidado a unha audiencia privada cos membros do xurado que levou a cabo de forma remota en outubro de 2021. As audiencias seguiron un procedemento estrito que permitiu a cada solicitante presentar a candidatura (15 minutos) e responder as preguntas do xurado (45 minutos).

Finalmente, o 4 de novembro coñecéronse os dous proxectos finalistas ao primeiro e segundo premio: NCBR-IS (Polonia) e INNO-AHA SERGAS.

Ademais do prestixioso recoñecemento, o gañador co primeiro premio será recompensado con 75.000 EUR, mentres que o segundo clasificado recibirá 25.000 EUR. Tamén se convidará a todos os finalistas a unirse a un grupo de compradores pioneiros para mostrar a súa experimentación e obter inspiración das experiencias doutros compradores, por exemplo, para aprender sobre novos enfoques a través do intercambio de boas prácticas, iniciativas, ideas e innovacións.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.