O Living Lab de saúde de Ourense acollerá os primeiros 6 proxectos innovadores da rede LABSAÚDE

  • Oito entidades galegas asinan os convenios co Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde para desenvolver proxectos innovadores no CHUO.
  • Nas instalacións do Hospital Universitario de Ourense comezarán o ensaio de solucións innovadoras para a atención de pacientes maiores, crónicos ou pluripatolóxicos entre outros.

Ourense, 9 de novembro de 2021.- O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou esta mañá senllos convenios de colaboración con seis entidades galegas empresariais e de investigación que dotarán ao Hospital Universitario de Ourense do primeiro Living Lab da nosa comunidade, no que se desenvolverán proxectos innovadores dentro do ámbito sanitario.

Na compaña do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial; o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa; e a xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, Laura López del Castillo; o titular de Sanidade destacou a aposta do Executivo galego por converter a Ourense nun referente da innovación sanitaria.

A sinatura dos convenios posibilitará que os equipos profesionais de seis entidades galegas comecen a desenvolver cadanseu proxecto vencellado ao ámbito da innovación. Así, as instalacións do hospital ourensá emprazarán o ensaio de solucións innovadoras, destinadas á atención de pacientes maiores, crónicos ou pluripatolóxicos.

O CHUO contará desde agora cunha contorna para a creación de solucións innovadoras dentro do propio hospital, e coa que se achegará a innovación sanitaria ás demandas dos usuarios.

O Conselleiro de Sanidade, apuntou que “os proxectos destas empresas van permitir maximizar os beneficios clínicos para os pacientes”. Así, puxo en valor que “todas elas van ter unha oportunidade é, ao mesmo tempo, unha responsabilidade: poder desenvolver as súas solucións innovadoras en contacto directo co persoal clínico, cos pacientes e coas súas familias, ao participar dun xeito activo no ensaio destas fórmulas”.

Nomeadamente, a sociedade Custom Implants traballará no proxecto CI3D de fabricación de implantes a medida en casos de politraumatismo, mediante o uso da impresión 3D.

A sociedade Psicología Virtual, desenvolverá o proxecto HomeworksRehab, no que se empregará a realidade virtual para a rehabilitación de pacientes con dano cerebral.

Pola súa banda, o equipo de rehabilitación Axón, utilizará a sala de estimulación multisensorial do CHUO para probar o seu proxecto SEMDA de terapia en pacientes maiores.

A spin-off Lincbiotech, que se achega desde o veciño Parque Tecnolóxico de Galicia, implemetará a iniciativa Minerva de procesado de imaxe neurolóxica para axudar aos diagnósticos de ictus e alzheimer.

Ademais, a spin-off Qubiotech, porá en marcha o proxecto Neuroquant, co obxecto de identificar biomarcadores na imaxe diagnóstica que permitan detectar de xeito precoz enfermidades neurodexenerativas.

Por último, a compañía Plexus xunto coa sociedade Insati Innovation e Inforhouse van deseñar, con pacientes e profesionais, un asistente virtual que facilite unha maior independencia e un envellecemento máis activo de pacientes con enfermidades neurodexenerativas, ao facer seguimento e control das súas rutinas.

LABSAÚDE

A Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (LABSAÚDE) nace como unha organización intermedia que busca conectar os proxectos e produtos cos usuarios finais. Estes laboratorios son plataformas de innovación e tecnoloxía que involucran a todos os axentes do eido sanitario, promoven a experimentación e favorecen o desenvolvemento de solucións innovadoras en función da demanda social. Son espazos reais nos que desenvolver e probar as iniciativas innovadoras que parten das empresas e entidades de investigación.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.