Modalidade da formación

PRESENCIAL

Considéranse presenciais as actividades que comparten a presenza física de participantes para a realización da formación e aqueloutras actividades ou sesións virtuais que sexan sincrónicas, é dicir, que docentes e participantes están conectados de maneira obrigatoria en tempo real.

Criterios para admitir a virtualización de cursos presenciais:

  • Sincronía, é dicir, conexión en tempo real.
  • Interacción entre docentes e participantes.
  • Coherencia entre obxectivos de aprendizaxe e metodoloxía proposta.
  • Proporcionalidade/ratio entre docentes e participantes acorde á metodoloxía proposta e posible de realizar no contorno virtual.
  • Accesibilidade das secretarías de acreditación á plataforma utilizada durante as sesións sincrónicas.
  • Control de conexión dos participantes nas sesións sincrónicas.

 

A DISTANCIA

Con separación física entre docente e alumnado que habitualmente implica a trasmisión asíncrona do coñecemento e a aprendizaxe independente e flexible do alumno.

Podemos agrupar as actividades de formación a distancia en dúas grandes categorías que se corresponden ás etapas evolutivas da propia modalidade formativa:

 
    Tipo I.  De provisión ou xestión de contidos. Apóiase principalmente na distribución de materiais didácticos dixitalizados (libros, revistas, CD, DVD, webs con materiais descargables, vídeos, textos...) Inclúe tamén os chamados «cursos abertos e masivos en liña», máis coñecidos polas súas siglas en inglés, MOOC (Massive Open Online Course), onde a aprendizaxe está centrada nos materiais didácticos, usualmente vídeos e lecturas. Este tipo de cursos, autoformativos, permiten o acceso a miles de estudantes, non existe interacción entre eles e a revisión evaluativa realízase de maneira automática ou por pares.
 
    Tipo II.  De comunicación.  Apóiase en plataformas dixitais e reproduce os procesos involucrados na aprendizaxe: inclúense actividades que os estudantes deben resolver e recoñécese a necesidade dun elemento clave, a comunicación. Pártese da idea de que unha aprendizaxe efectiva necesita diálogo, conversación, discusión e reflexión e establéceos como centro da experiencia do proceso formativo, que se concibe como un proceso social non solitario.

 

MIXTA

Actividades que inclúen unha parte presencial e outra non presencial, ambas as dúas con perfil pedagóxico.

En ocasións poden xurdir dúbidas entre formación presencial que contempla actividades fóra da aula e as actividades mixtas. Para considerar unha actividade como mixta, a parte presencial e a non presencial, deben ter entidade propia, é dicir, os seus propios obxectivos, actividades, docentes etc. A existencia de titoría da parte non presencial é obrigatoria. A lectura e estudo de materiais docentes, a realización dalgún exercicio ou procura de información non son suficientes, por si sós, para outorgarlle o carácter de modalidade mixta a unha actividade docente.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.