Liñas de innovación

No marco do Living Lab de Ourense, defínense seis liñas de innovación prioritarias, centradas no paciente e reforzadas coas posibilidades que ofrecen os distintos espazos para a innovación e a aplicación de solucións alternativas ás convencionais para estudar a súa efectividade nunha contorna real onde os usuarios finais (profesionais sanitarios, pacientes e/ou familiares) formarán parte integrante no desenvolvemento e validación de prototipos.
 
  1. Atención ao paciente maior e/ou crónico: proxectos innovadores dirixidos á poboación maior de 65 anos e pacientes pluripatolóxicos que busquen mellorar a súa calidade de vida e a relación co sistema sanitario.
  2. Empoderamento de pacientes e cidadáns: proxectos dirixidos a mellorar o coñecemento e autoxestión do paciente dos seus procesos de saúde e enfermidade. Un paciente empoderado é un paciente con capacidade para decidir, satisfacer as súas necesidades e resolver problemas de maneira autónoma, con pensamento crítico e control sobre a súa vida.
  3. Tecnoloxías da información e as telecomunicacións: valóranse especialmente aqueles proxectos que faciliten a implementación de telemedicina e teleasistencia fundamentais nunha área con tanta dispersión xeográfica como a galega. A telemedicina é o intercambio de información a distancia, a través das TIC, entre profesionais sanitarios sobre o diagnóstico, o tratamento ou o coidado dos pacientes. Tamén facilita que os pacientes poidan contactar directamente cos profesionais. A teleasistencia, doutra banda, é a atención remota e personalizada das persoas que viven no seu domicilio, pero que requiren dalgún tipo de axuda ou seguimento que pode ser facilitado grazas ás TIC.
  4. Robótica e realidade virtual: nesta área espérase poder probar nunha contorna real proxectos centrados en robótica, realidade virtual ou combinación de ambas as tecnoloxías. Os proxectos de robótica están centrados en distintas áreas da medicina, por exemplo a cirurxía, rehabilitación e prótese ou robots de almacenaxe e distribución de medicamentos. Os proxectos de realidade virtual están enfocados ás distintas posibilidades que este sistema está a abrir aos profesionais do sector sanitario; as máis destacadas son a formación de estudantes, operacións de cirurxía ou tratamento de enfermidades.
  5. Impacto do ambiente na estancia hospitalaria: proxectos que, actuando a través da contorna, melloren a experiencia dos pacientes e faciliten a súa recuperación. Buscarase a implantación de ambientes diferenciados de hospitalización que permitan o estudo da súa influencia na recuperación de pacientes e no seu benestar. Así mesmo, dispoñeranse cuartos con ambientes adaptados en cuartos individuais e dobres.
  6. Outras liñas de investigación (Bioseguridade/Novos materiais/Alimentación/Téxtil…): calquera outro proxecto de innovación que, de forma directa ou indirecta, poida mellorar a calidade de vida e a atención sanitaria recibida polos usuarios.
Envía a túa solicitude

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.