Escola de Simulación

A simulación médica avanzada permite recrear escenarios que imitan contextos reais de actuación da forma máis fiel posible para facilitar a aprendizaxe, a práctica e a asimilación de habilidades no coidado da saúde.

A Axencia de Coñecemento en Saúde pon á disposición dos profesionais do Servizo Galego de Saúde a Escola de Simulación Médica Avanzada, cunha dotación de recursos que a sitúa ao mesmo nivel de calidade que calquera centro de referencia do mundo.

Equipamento. A Escola de Simulación conta con equipos de última tecnoloxía que fan posible o adestramento de habilidades en situacións moi fieis á realidade:

  • Simuladores avanzados. Trátase de manequíns interactivos que permiten ao alumno practicar o diagnóstico e o tratamento e ao instrutor cambiar de forma remota as condicións do paciente. Están dotados de respiración espontánea, control de vía aérea, voz, sons, presión sanguínea e electrocardiograma. O centro está dotado de dous manequíns:
    • SimBaby. Simulador do paciente lactante para adestramento de emerxencias con cativos acabados de nacer e bebés.
    • SimMan 3G. Simulador do paciente adulto altamente sofisticado, sen cables e con capacidade para ser controlado de xeito remoto por varios instrutores.
  • Dispositivos para practicar técnicas de atención en urxencias:
    • Fibrobroncoscopios de última xeración.
    • Respiradores de transporte, alta frecuencia oscilatoria e en modalidades de ventilación non invasiva.
    • Manequíns de adestramento de vías venosas centrais.
    • Manequíns de adestramento de punción lumbar.
    • Manequíns de adestramento de toracocentese.
    • Material necesario para o adestramento avanzado na asistencia ao politraumatismo.
    • Cabezas de intubación.
    • Dispositivos para a videolaringoscopia.
    • Módulos de avaliación da calidade das compresións torácicas.

Modelo de aprendizaxe. Mentres un grupo de profesionais resolve o caso clínico proposto, o resto obsérvano e despois valoran a actuación en tempo real na sala de sesións. As intervencións dos participantes no caso clínico simulado rexístranse en tempo real en audio e vídeo para ser discutidas posteriormente cos instrutores e os compañeiros. Esta dinámica favorece a corrección dos posibles erros cometidos e permite optimizar o proceso da aprendizaxe.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.