O 22 de decembro do 2020 o Consello de Ministros aprobou, a proposta do Ministerio de Ciencia e Innovación, o acordo que autoriza ao Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII, en diante) a convocatoria 2021 das subvencións da Acción Estratéxica en Saúde (AES) por un importe total de 134,4 millóns de euros, un 33,2% máis que en 2020. Asemade, dita cantidade podería incrementarse en 55 millóns de euros unha vez que se aprobe o plan de recuperación da Unión Europea. Podedes acceder ao texto da referida convocatoria publicada mediante Resolución do 23 de decembro do 2020 do Director do ISCIII facendo clic
AQUÍ.
A Acción Estratéxica en Saúde é a principal ferramenta para financiar a investigación biomédica e sanitaria en España, mediante a concesión, cada ano, de distintas subvencións para o desenvolvemento de proxectos de investigación e a contratación de investigadores.
O principal obxectivo da Acción Estratéxica en Saúde é contribuír ao fomento da saúde e o benestar de todos os cidadáns, potenciando a competitividade internacional do I+D+i do Sistema Nacional de Saúde (SNS).
A Acción Estratéxica en Saúde 2021 ten as seguintes novidades:
- Impúlsase a investigación cooperativa en rede mediante dúas actuacións principais: a creación dun novo Centro de Investigación Biomédica en Rede (CIBER) de Enfermidades Infecciosas e, en segundo lugar, cun novo modelo de funcionamento das Redes Temáticas de Investigación Cooperativa en Saúde (RETICS).
- Prodúcese unha mellora salarial nas axudas correspondentes ao Subprograma Estatal de Formación e aos contratos post-doutorais. Asemade, o salario dos investigadores non se mantén fixo, senón que se acompasa coa adquisición progresiva de competencias.
- Consolídase o programa de investigación clínica independente dentro dunha única convocatoria, o que permite garantir a integración deste programa na normalidade das convocatorias anuais do ISCIII.
A continuación, destacamos as principais novidades de cada axuda á Investigación nunhas fichas en formato PDF. Asemade, tamén dispoñedes dun vídeo resumen (clic sobre cada imaxe para acceder):