A Comisión Europea outorga a Galicia o máximo galardón como rexión de referencia na adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable da iniciativa EIP on AHA

  • A iniciativa estratéxica European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA) recoñece a Galicia como Rexión de Referencia no desenvolvemento e a adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable.
  • Galicia revalida o máximo galardón logrado na convocatoria anterior con catro estrelas, das catro posibles.
  • O galardón outorgouse hoxe en Bruxelas, nun acto organizado pola Reference Site Collaborative Network (RSCN)
 
Bruxelas, 10 de outubro de 2022.- A Comisión Europea a través da iniciativa estratéxica European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA) concedeu hoxe en Bruxelas o máximo galardón a Galicia como Rexión de Referencia no desenvolvemento e a adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable con catro estrelas, das catro posibles.
 
Nun acto celebrado hoxe en Bruxelas e retransmitido pola Comisión Europea, o Xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa, en representación da Consellería de Sanidade, recibiu o máximo galardón nunha cerimonia que contou coa presencia de Marco Marsella da DG Connect.
 
O recoñecemento enmárcase dentro da cuarta convocatoria de Reference Sites 2022. Na súa primeira edición en 2013, Galicia foi recoñecida coma Reference Site con 2 estrelas e recibiu unha das cinco mencións de honra dadas pola Comisión para reflectir os logros conseguidos pola nosa historia clínica electrónica tanto en resultados como en integración. Posteriormente, na seguinte convocatoria en 2016, Galicia logrou 3 estrelas das catro posibles, logrando en 2019 o máximo galardón con 4 estrelas que conseguiu revalidar.
 
CANDIDATURA
 
En xullo deste ano, a Consellería de Sanidade, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, presentou a candidatura para optar a reacreditación que ten lugar cada 3 anos, demostrando a existencia de estratexias integrais para avanzar en innovación para un envellecemento activo e saudable, baseado nun modelo de “cuádrupla hélice” que inclúe á industria, a sociedade, a academia e as autoridades gobernamentais a nivel rexional e local.
 
A candidatura mostrou a aposta da Consellería pola compra pública innovadora con proxectos como o Plan de envellecemento activo Código 100 e proxectos actualmente en marcha como INNOVATRIAL ou Innova MicroLab. A candidatura inclúe a posta en marcha do primeiro living lab de saúde do SERGAS no Hospital Universitario de Ourense, rexión das máis envellecidas de Europa. Recolle tamén a internacionalización do sistema público de saúde con iniciativas lideradas por Galicia como o proxecto TITTAN -rede de intercambio europea de boas prácticas para potenciar a innovación naquelas liñas de traballo que afectan ao envellecemento-.
 
A aposta pola dixitalización e a Intelixencia Artificial da Consellería de Sanidade volveu a ser premiada pola iniciativa europea. Con experiencia a longo prazo no desenvolvemento de sistemas baseados en IA como CADIA (Hospital2050) ou ADICAD (InnovaSaúde), a candidatura tamén recolleu iniciativas en marcha como TARTAGLIA -rede federada de Intelixencia Artificial para acelerar a Investigación Sanitaria-; ou a oitava área sanitaria do SERGAS que permite aos profesionais acceder a toda a información clínica de forma anonimizada.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.