A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde organiza a Conferencia Final do proxecto europeo Regions4PerMed en Bruxelas para coordinar e impulsar a Medicina Personalizada a nivel rexional

  • Os socios do proxecto interrexional europeo Regions4PerMed participaron hoxe nunha conferencia presencial na que compartiron os resultados obtidos e trasladaron as súas experiencias durante o desenvolvemento do mesmo.

Bruxelas, 21 de marzo de 2023.- A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde organizou hoxe en Bruxelas a conferencia final do proxecto europeo Regions4PerMed. O proxecto busca establecer un diálogo continuo entre a comunidade europea de Medicina Personalizada, conta con orzamento de 1,7 M. euros e 6 socios de diferentes rexións, a Toscana, Lombardía, Saxonia, e Baixa Silesia.

A Medicina Personalizada permite á asistencia sanitaria converterse nun sistema preventivo, personalizado e preditivo, no canto dun sistema reactivo. Grazas á Medicina Personalizada, a asistencia sanitaria pode ofrecer mellores tratamentos e diagnósticos máis sustentables aos pacientes. Considerando o envellecemento da poboación en Europa, isto é especialmente relevante, xa que a xestión da morbilidade supón un gasto para os nosos sistemas.

A Medicina Personalizada, ademais, significa unha vantaxe inmensa para os cidadáns, sanidade e industria que permitirá á Unión Europea seguir sendo competitiva a escala mundial. Cabe destacar que a colaboración entre os responsables políticos locais e rexionais, é un elemento crave para que a Medicina Personalizada desenvolver todo o seu potencial.

O consorcio Regions4PerMed apoia o compromiso das rexións da Unión Europea coa Medicina Personalizada organizando o evento final deste proxecto no Residence Palace, en Bruxelas, durante os días 21 e 22 de marzo, co obxectivo de mostrar os resultados recollidos polos socios do proxecto nas cinco áreas temáticas clave do proxecto.

O evento comezou coa benvida por parte do coordinador do proxecto Gianni D’Errico da Fondazione Toscana Life Sciences (TLS), que resumiu a actividade levada a cabo ao longo destes anos. Tamén se ofreceu unha benvida por parte de Jean Luc Sanne da Comisión Europea e da Presidenta do Consorcio Internacional para a Medicina Personalizada, Ejner Moltzen.

A xornada contou coa intervención dos principais representantes das rexións participantes no proxecto. No caso de Galicia, dita intervención correu a cargo do Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña de maneira virtual. Nela comezou agradecendo aos socios a organización do evento e a Unión Europea e ao programa Horizonte 2020 pola oportunidade de poder executar este proxecto. Continuou facendo un resumo das principais actividades do Servizo Galego de Saúde en canto á Medicina Personalizada para rematar resaltando a labor de todos os integrantes do sistema público de saúde, así como agradecéndolles a todos os poñentes e asistentes a súa participación na conferencia.

A continuación, José María Romero Fidalgo, Director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, realizou unha presentación sobre o traballo realizado na área temática 4 “Fluxo de innovación na atención sanitaria” liderada pola ACIS. Ao longo desta resumiu os principais logros, así como a conferencia e o taller que se organizaron no marco da mesma. Así mesmo, fixo mención de todos os expertos que participaron nas actividades e concluíu cos resultados obtidos e cunhas recomendacións finais a autoridades rexionais.

Así mesmo, durante o segundo día celebrarase unha cerimonia de entrega de premios ás mellores boas prácticas de cada área temática coa presencia dos membros do xurado entre os que se atopa Javier Quiles del Río, Subdirector de Sistemas da área sanitaria de Ferrol, membro do xurado por parte de Galicia.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.