69 proxectos optan aos I premios de innovación en saúde en Galicia, cuxos gañadores se darán a coñecer o vindeiro 17 de xuño

Os galardóns serán entregados nun evento virtual que se desenvolverá en Santiago e que poderá ser seguido a través dos perfís oficiais de redes sociais da ACIS.
Premiarase un proxecto na categoría profesional e outro na categoría de doentes.
 
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2020.- O vindeiro 17 de xuño terá lugar o acto de entrega dos I Premios á Innovación en Saúde do Sistema Público de Saúde de Galicia, impulsados pola Axencia de Coñecemento en Saúde ACIS no marco das súas competencias para promover a cultura innovadora en materia de saúde en Galicia. No transcurso do acto darase a coñecer o nome dos 11 finalistas e dos 2 proxectos premiados, un en cada categoría (profesional e pacientes). Un total de 69 proxectos optan a estes galardóns que celebran este ano a súa primeira edición.
 
Nesta primeira edición convocáronse dúas categorías: unha dirixida aos profesionais e outra aos pacientes, na que se podían presentar candidaturas de xeito individual ou grupal, cun máximo de 4 persoas por grupo. A modalidade profesional está dirixida a todo o persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia e en total recibíronse 56 candidaturas. Na modalidade pacientes, na que podían presentar proxectos tanto persoas físicas (doentes, coidadores...) como organizacións ou asociacións de pacientes sen ánimo de lucro, recibíronse un total de 14 candidaturas.
 
Os datos de participación nesta primeira convocatoria poñen de manifesto a boa acollida da iniciativa e o espírito colaborador e innovador de todas as persoas que traballan de xeito directo e indirecto para acadar un Sistema Público de Saúde máis innovador e avanzado.
 
Nesta primeira edición premiaranse aquelas ideas innovadoras que teñen potencial para entrar a formar parte da Plataforma de Innovación Sanitaria PI, polo que non serán galardoadas aquelas que xa formen parte deste sistema. O obxectivo é que nas vindeiras edicións se premie aqueles proxectos de innovación máis maduros que mesmo estean dentro da PI.
 
Plataforma de Innovación Sanitaria
A Plataforma de Innovación Sanitaria PI posta en marcha polo Servizo Galego de Saúde e a ACIS é unha ferramenta pioneira en España na que os profesionais do sistema sanitario público galego, doentes, coidadores, empresas e demais perfís implicados no sector da saúde poden achegar as súas ideas de melloras ou oportunidades de innovación. Desde xeito preténdese avanzar na prestación de servizos e no desenvolvemento de procesos, substituíndo aqueles pouco eficientes por alternativas máis óptimas.
 
A PI encárgase de recoller, poñer en valor e acompañar estas ideas e proxectos co obxectivo de convertelas en iniciativas reais, aplicables ao Sistema Público de Saúde de Galicia. A dinamización da PI realízase a través dos nodos de innovación NI, situados en cada unha das sete áreas sanitarias de Galicia, e que teñen como función promover, dinamizar e vertebrar a plataforma facendo posible que as ideas das persoas e equipos cheguen ata ela.

Axencia Galega de Coñecemento en Saúde

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é unha entidade pública galega creada coa vocación de converterse no elemento nucleador do ecosistema de coñecemento e innovación en saúde en Galicia.